Thursday 02 de May de 2024

Aberta á circulación a Ponte Pereira


O proxecto levado a cabo inclúe a construción dunha nova infraestrutura de formigón e a posta en valor da ponte medieval existente. O investimento supera os 84.000 € en total

Dende o día de hoxe queda restablecida a circulación pola Ponte Ribeira, comunmente coñecida na zona como Ponte Pereira ou Ponte Vella. A vía tivo que ser cortada ao tráfico no seu día tras detectarse anomalías tanto na súa capacidade como na estrada municipal que transcorre entre o lugar do Mendo e O Ludiño.

O orzamento total das obras realizadas ascende a 84.800 €, financiadas na súa totalidade pola Consellería de Medio Rural e do Mar da Xunta de Galicia. Dende o pasado mes de setembro traballouse na substitución da tubaxe metálica existente, a cal presentaba un alto grao de deterioración, por unha estrutura de 8 metros construídos “in situ” con formigón armado mediante cimbra. Para isto foi necesario o derrubamento da antiga estrutura e o movemento de terras para a cimentación da nova estrutura. Posteriormente preséntase unha colocación dun muro de acompañamento de pedras de granito e a colocación de varandas metálicas que se completan con barreiras de seguridade. Finalmente procédese co reafirmado do camiño do contorno con grixo, conglomerado e grava, así como co pintado e a reforestación arbórea da zona.

Camiño Inglés
Co fin de exaltar a riqueza arqueolóxica da ponte medieval que perdura incluíuse no proxecto unha partida orzamentaria destinada á súa limpeza e posta en valor. O arco de pedra que se conserva a día de hoxe queda distanciado da nova estrutura, garantíndose a súa integración no conxunto. Unha medida que permite a súa contemplación por parte das persoas transeúntes, aspecto que contribúe a facer máis atractivo o trazado do Camiño Inglés que transcorre por este punto exacto do municipio ordense.

Precisamente por tratarse dun caudal de auga e dunha ponte medieval de alto valor arquitectónico foi imposible dar comezo aos traballos de arranxo sen a autorización por parte de Augas de Galicia e de Patrimonio. Uns trámites que atrasaron o comezo das obras durante meses a pesar da insistencia en darlle prioridade vía de urxencia levada a cabo polo Goberno local ante a Xunta de Galicia.